Nace Murabellos

 

Nace MURABELLOS, e con esta iniciativa dou o paso á edición.

 


Levo máis dun lustro pensando na posibilidade, e traballando, aos poucos, na idea de editar algúns dos meus libros, e é agora cando dou o paso, despois de ter pechado o proxecto que ocupou boa parte do meu tempo nos últimos seis anos; falo dos poemas que escribín coa forma do haiku (HAIKUGA), para un período de 100 anos, e que supera os 41.000 textos.
 

Os Murabellos / Pozas dos Murabellos
Tiña claro, dende que comecei a pensar nunha editorial ou nun selo no que acoller algúns dos meus libros, que cando iniciase ese camiño da edición sería co nome de MURABELLOS. Escollín o nome que identifica un lugar da miña aldea, Ludeiros, na parte baixa da serra de Santa Eufemia, na parroquia de Manín. Nos Murabellos a veciñanza da nosa aldea construíu dúas pozas e un pozanco ou pociño, para recoller a auga dos nacentes que alí abrollan, auga que se xuntaba na poza do Porto do Carro, a onde tamén ía parar a auga das pozas da Barreira, e dende alí era conducida ás veigas de Ludeiros. Ese lugar forma parte da miña vida dende a infancia, cando ía cos meus avós a buscar a auga para regar as leiras; e sempre me agradou o nome e o sitio e, coido que o significado tamén é axeitado para esta iniciativa; xuntar versos para os poemas e como xuntar auga para regar os alimentos, e ambos os dous nos alimentan.
 
Creo en min, si, claro que si! 
Esta afirmación nace do traballo e do esforzo constante, de sentarme cada día diante do papel en branco para conxugar os silencios dos que nacen os versos, e dos versos os poemas cos que dicir algo. E si, claro que si que creo en min, e por iso quero publicar os meus traballos, darlle visibilidade, entregarchos para a súa lectura, e MURABELLOS é unha peza máis nesa engrenaxe que o fai posíbel.


Detalle da portada de Murabellos

O primeiro libro está na imprenta e non tardará en ver a luz.

Publicacións populares